jueves, 30 de abril de 2015

Fotógrafos Galegos

Hoxe, deixovos un pouco da historia da fotografía en Galiza, con algúns autores que merece a pena coñecer.


Perdro Felipe Monlau


Este médico e catedrático de Literatura catalán, correspondente en París da Academia das Ciencias e as Artes de Barcelona, foi o que introduciu a fotografía en España e o autor, aló polo ano 1839, da primeira instantánea da historia da fotografía no noso país. Pedro fixo esta fotografía cunha máquina fotográfica que el mesmo lle comprara a Daguerre en París e que, aínda hoxe en día, se conserva.

Este foi o inicio da febre fotográfica en España .


Praza da Constitución Española de Barcelona 1839



Pero falemos da fotografía na nosa Galiza.

Un dos primeiros fotógrafos dos que se ten constancia é Ksado (Ávila 1888 - Santiago de Compostela 1972), nome artístico de Luís Casado Fernández que, aló polo ano 1924, realizou a que será unha das primeiras fotos do fotoperiodismo galego, ilustrando unha nova do Faro De Vigo. Ata o de entón non era común incluír imaxes nos xornais, pero a partires de aquí comezaría a existir un gran interese do público por ver imaxes que ilustraran as novas que se daban.
As fotografías de Ksado foron publicadas en moitos diarios do noso país (ABC, La Vanguardia...) así como en diarios arxentinos (La Nación e La Prensa). Foi ademais autor dalgunhas das imaxes máis divulgadas da Galiza dos primeiros anos do século XX.
 


                          Foto que ilustraba unha nova sobre un crime no Faro De Vigo. Ksado 1924


Ksado foi meste doutro nome destacable: Ramón Caamaño Bentín (Muxía, 1908 - 2007) Con 16 anos comezou a facer fotografías de mariñeiros e labregos galegos no seu pobo natal. Cando tivo creado o que foi o seu primeiro estudo, comezou unha intensa e aciva actividade como retratista, pero tivo que interromper o traballo por mor da guerra civil. Máis tarde, unha vez rematada a guerra, continuou a súa labor recorrendo a xeografía galega en busca de fotos que retrataran a súa terra, e que facía por encargo para as xentes dos pobos. Este feito é comparable á que realizaba outro dos nomes importantes da nosa fotografía. Neste caso estamos a falar de Virxilio Vieitez.






Pero falemos primeiro dos anos 30. Neste momento debemos nomear a Xosé Suárez, quen deixou unha importante obra sobre a Galiza deste momento. Xosé fotografía a vida mariñeira. Interesáballe o obxecto non pola súa morfoloxía, se non pola capacidade que este ten de amosar e falar a persoa que o usa ou sobre quen o fabricou. As fotografías que se agardan deste fotógrafo son imaxes previas como documentación dunha película que quería rodar e que levaría por nome "Mariñeiros". Tivo que emigrar a América durante a guerra e sábese que rematou a película aló, pero nunca se logrou atopala

Durate os anos 40 deberemos falar de Schmitz de las Eras (A Coruña, 1897 - 1975) e de Veiga Roel (Betanzos 1894 - 1976). Para ambos, a luz xoga un papel moi importante nos seus traballos.

*Sobre estos dous fotógrafos, poderedes atopar dous arquivos ao final da entrada.

Chegados aos anos 50-60, debemos sinalar que neste momento o retrato e a paisaxe eran dúas das características fundamentais dos fotógrafos do momento. 
Destes anos falaremos de:

Ramiro Fernández, que foi presidente da Sociedade Galega de Fotografía de Vigo e que fixo moito por dinamizar o mundo fotográfico da época. O seu traballo céntrase sobre todo en escenas costumistas, pero afastándose do pictorialismos presente.  
Outro fotógrafo que non debemos esquecer foi Ricard Terré (San Baudilio de Llobregat, 1928 - Vigo, 2009) que, a pesares de ser Catalán, instálase en Vigo xa no ano 1959, polo que o seu legado fotográfico sobre Galiza é moi amplo. Posiciónase en contra do academicismo establecido e opta por unha fotografía máis humanista, na que o centro da foto será o home. Nos seus traballos haberá desenfoques, movidos... que xustamente ían en contra do que estaba aceptado no momento. Á súa chegada a Vigo comeza a traballar por fin de maneira profesional, e as súas imaxes circularán arredor do tema da morte (loitos, procesións, nichos...)

Debemos falar tamén de Manuel Ferrol (Cabo Vilán 1923 - 2003), quen aborda o tema da emigración. Foi un dos que máis traballou este tema, logrando captar duras imaxes de despedidas familiares. Unha das súas imaxes máis coñecidas publicousde por primeira vez en América, e amosa a un pai e a un fillo chorando desolados pola pronta separación.




Por último, falaremos de Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes 1930 - 2008) que aos 18 vai a traballar aos Pirineos, onde compra a súa primeira cámara, unha Kodak de caixón de formato 6x9, para comezar a fotografar paisaxes e retratar aos seus compañeiros de traballo. 
Posteriormente trasládase a Cataluña, traballando en Pálamos como empregado do fotógrafo Julio Pallí. En 1955 regresa a Galiza para establecerse profesionalmente, facéndose coa clientela de toda Terra de Montes e trabalando en diferentes vilas e aldeas coma Cerdedo, Avión, Beariz e Forcarei. A principios dos anos 60, imponse a obrigatoriedad do carné de identidade, polo que se despraza continuamente pola comarca para realizar retratos deste estilo. Lévao a cabo cun sinxelo despregue d medios, usando tan só unha tea branca como pano de fondo, o cal podemos deducir grazas a unha rachadura que este ten na maioría destes retratos. Esta serie ten un grande interese tanto dende o punto de vista estético coma documental, pois remataron por converterse nun retrato fiel dunha comarca puntual nun momento determinado da súa historia. 
Durante os anos de 1955 e 1965 realiza gran parte da súa obra máis interesante, xa que será aquí cando deixe constancia de diversos aspectos da vida bisbarra, coma o traballo no agro ou actividades coma a matanza, manifestacións sociais coma os bailes, os partidos de fútbol, ou a chegada dos titiriteiros.
Dedicou gran parte do seu tempo a fotografar vodas, polo que se desprazaba en moitas ocasións fóra de Terra de Montes. Mención importante merecen tamén as súas fotografías de velorios e retratos de mortos, que servían moitas veces para resolver cuestións de herdanzas, testemuñando así que a persoa en cuestión morrera. A maior parte das veces estas fotos permítennos mergullarnos na ida do papel que pode xogar a fotografía coma instrumento que fai perdurar a memoria.
Os retratos, que tamén son unha constante no seu traballo, caracterízanse pola frontalidade e polo estaticismo, chamando a atención esa capacidade de Virxilio por lograr plasmar unha gran expresividade dos suxeitos retratados, presentándoos sempre con moita dignidade.







Como podemos ver, a figura da muller non aparece por ningures nin aquí, nin naquela historia da fotografía que vimos anteriormente. Teremos pois que esperar ata os anos 90, máis ou menos, para poder ver cómo moitas mulleres comezan a abrirse camiño arredor deste novo campo.







martes, 28 de abril de 2015

Segunda e terceira sesión cámara estenopeica

Despois de rematar as nosas cámaras, por fin puidemos cargar e sacar as nosas primeiras fotos!!!!

O primeiro que fixemos foi meternos no noso laboratorio, tan só coa luz vermella prendida) para colocar nas nosas estenopeicas un papel fotosensible á luz. Unha vez preparadas, saímos aos arredores do noso instituto cámara en man, e decidindo previamente o que queriamos fotografar.

Pero a cuestión agora era a seguinte: debido a que non  puidemos calcular o diámetro exacto do noso estenopo, o que máis nos debía preocupar era a luz coa que contabamos fóra: un día soleado e sen nuves. Qué debiamos ter entón en conta? a cantidade de luz coa que contabamos, o que supoñía atender a se o sol nos daba de cara, de costas, se nos situabamos en zonas de sombra....

Para elo asegurámonos de  ter claro que:

+ luz = menos tempo de exposición // -luz = máis tempo de exposición


Decidimos entón que cada alumno escollería o tempo que considerase propicio para a súa fotografía, tendo en conta todo o anterior. Esto axudaríanos a ser capaces de establecer as pautas a seguir do noso propio proceso e, unha vez obtido os resultados, avaliar se as deduccións foron as correctas ou, pola contra, ser consecuentes e ser quen de avaliar qué fallou. 



Por desgraza, non tivemos moito tempo para facer demasiadas probas, pero os primeiros resultados foron realmente bos. Ademáis, como ben apuntabamos antes, servíronnos de referencia á hora de poder facer unha nova tandada de fotos.

A continuación deixámosvos algunhas imaxes do noso laboratorio, e tamén das primeiras probas que fixemos!!



Este é o noso "pequeno espazo"



Ampliadora, luz vermella, papeis fotográficos... non nos falta de nada



Unha das últimas fotos en pasar polo proceso de revelado!!

Revelador + Baño de paro + Fixador



Unha vez rematado o tempo no fixador, pasamos a lavar as nosas fotos durante uns 20 minutos...




...e deixámolas secar. E estes foron algúns dos primeiros resultados obtidos. Non tódalas fotografías sairon, pero os erros tamén nos axudaron a aprender a controlar os tempos en probas posteriores <3






 E por último, unha vez que rematamos, tan só queda limpar e recoller.







 A pesares do pouco tempo, fomos quen de facer novamente probas coas cámaras...e o certo e que controlamos os tempos coma se levásemos toda a vida facendo isto!! Restultados? Prontiño <3

miércoles, 22 de abril de 2015

Primeira sesión cámara estenopeica

Nesta primeira sesión, comezamos a construír as nosas cámaras estenopeicas,  seguindo o proceso explicado en entradas anteriores. Xa poidestes ver que é moi sinxelo crear unha cámara de este estilo. O único problema atopamos nós neste caso, foi o tempo: 50 min de clase dan para moi pouco. Sen embargo, o certo e que fomos quen de adiantar moito nesta primeira sesión.
 Estas, son algunhas das fotos daquel día, para que se vexa cómo traballamos!!!!


Para comezar? Explicamos que é unha cámara estenopeica e qué vamos a facer con ela.




E agora, a traballar!!













Traballar en boa compañia, sempre é un luxo...non é?

domingo, 19 de abril de 2015

Terceira Proposta. A cámara estenopeica

Debido a pequenos problemas, non puidemos subir cousiñas ao longo da semana pasada. 
Sen embargo, xa temos material para ir compartindo e que se subirá ao longo da semana que está a piques de comezar.

Pero entre problema e problema, comezamos a terceira proposta: construír unha cámara estenopeica.
O primeiro paso que levamos a cabo foi a súa construcción. Para tal finalidade utilizamos:

- Caixa de zapatos (pódese usar calquera cousa que nos permita levar a cabo este procedemento)
- Pinceis e pintura negra
- Regra / lapis / cutter
- Fita illante negra
- Papel de aluminio
- Agulla ou alfinete






Cómo a construímos?

1. Escollemos unha das caras da caixa e, no seu centro, recortamos un cadrado de 2x2 cm
2. Pintamos de negro a nosa caixa por dentro (incluída a tapa)
3. Reforzamos tódolos cantos coa fita illante negra, xa que así evitaremos calquera oco polo que poida entrar luz.
4. Recortamos un anaco de papel de aluminio de 4x4 cm, e colocámolo por dentro da caixa, sobre o oco que abrimos previamente, coa cara opaca cara afora.
5. Cunha agulla / alfinete, facemos un buratiño no papel de aluminio anteriormente colocado. Este burato leva o nome de estenopo.
6. Creamos unha tapa cunha cartulina ou cun anaco de cartón, para poder colocar diante do estenopo. Deste xeito, poderemos abrir e cerrar o paso da luz para poder sacar as nosas fotos. 






Pero, antes de comezar co proceso, preguntémonos: qué é a fotografía estenopeica?
Pois ben, neste tipo de procedemento fotográfico non se usan ningún sistema óptico; é dicir, non contamos con lentes que nos axuden a enfocar o que queremos fotografar. 
A cámara estenopeica é no fondo unha cámara escura, que consta tamén cun buraco nunha das súas caras ao cal denominaremos como "estenopo" (buraco pequeno en grego). A única diferencia coa cámara escura e que, neste caso, interésanos que a imaxe se proxecte sobre un soporte fotosensible, para así poder obter a imaxe fixada.

Para conseguir unha imaxe nítida dentro da cámara, precisamos que a apertura do estenopo sexa moi pequena, o que fará que o tempo de exposición sexa moi alto, podendo ir dende uns segundos a unhas horas. 
O problema que nos atopamos aquí é que non sabemos o número de diafragma que estamos a usar xa que este é fixo e dependerá de dous parámetros: 1. o diámetro do estenopo (ou o que é o mesmo, o diámetro da nosa agulla/alfinete) 2. a distancia focal que vai dende o estenopo ata a parede oposta a el. 
Sen embargo, se somos quen de obter estes dous parámetros, poderemos levar a cabo unha fórmula que nos dará o número de diafragma usado. A fórmula é a seguinte:


                             f (diafragma) = F (distancia focal) / Dr (diámetro do estenopo)




 Polo de agora, xa temos (case) rematadas as nosas cámaras:




Pronto, os resultados....





miércoles, 15 de abril de 2015

Segunda Proposta. Crear unha cámara escura

Agora que xa coñecemos algo sobre os inicios da fotografía, sabemos que podemos considerar a cámara escura coma o antepasado máis antigo da cámara (tanto fotográfica como de vídeo) Deste xeito, os inicios desta técnica están fortemente vinculados á aparición deste invento, cuxa evolución resulta realmente interesante.

Para ir abrindo boca, deixovos a continuación un vídeo no que se explica dun xeito realmente claro que é e cómo evolucionou a cámara escura.








En canto poidamos, contarémosvos cómo levamos a cabo a nosa propia cámara escura....
Só vos adiantaremos que foi un proceso moi divertido, e que o resultado foi mellor do esperado. 


















 

lunes, 13 de abril de 2015

Primeira proposta. Teoría

Vivimos tan mergullados no mundo audiovisual, que poucas veces nos preguntamos cal foi o desencadeante de que, a día de hoxe, sexamos quen de sacar fotografías con algo tan común coma un teléfono móbil.

O primeiro día no que comezamos este pequeno camiño sobre a fotografía, levouse a cabo unha clase teórica sobre a súa historia. Este primeiro contacto co tema estivo acompañado por unha presentación en formato dixital, e unha teoría resumida en papel.
A continuación aparecen tanto a teoría entregada coma a presentación que puidesmos ver en clase:


Teoría



 
Presentación